miércoles, 26 de diciembre de 2018

Presentación do VIII Memorial José Antonio Vega (nota de prensa do Concello da Laracha)

350 RAPACES DE 28 EQUIPOS PARTICIPARÁN NA 8º EDICIÓN DO TORNEO DE BALONCESTO “JOSÉ ANTONIO VEGA”



* O evento foi presentado hoxe no Concello.
* Celebrarase o sábado nos tres pavillóns da Laracha.
* Haberá zona lúdica con uso aberto para o público en xeral.



Como sucede cada Nadal desde hai sete anos, A Laracha será este sábado a referencia provincial no baloncesto de base coa celebración da oitava edición do torneo José Antonio Vega. Hoxe presentouse o evento nun acto no que participaron representantes de todas as entidades e clubs que farán posible o evento: por parte do Concello da Laracha, o alcalde, José Manuel López Varela, e a edil responsable da área de deportes, Patricia Bello. Polas Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto da Laracha, o seu coordinador, Roi Vega, que tamén é fillo do homenaxeado. En representación do C.B. Laracha estiveron o coordinador, Sito Cabado, e o secretario, Eliseo Velo. Por parte do C.B Artai acudiu o presidente, Joaquín Moreira. En representación do C.B. Arteixo Duacode estiveron o coordinador, Iván García, e o directivo Víctor García.

O alcalde valorou que este torneo estea consolidado “como a festa do baloncesto de referencia en Nadal na provincia da Coruña” e salientou a boa saúde desta modalidade deportiva no municipio tendo en conta a cifra de máis de cen nenos que forman parte das escolas municipais. Tamén destacou a cantidade de xente que se achegará ata A Laracha o sábado con motivo da celebración do torneo, o que implicará un impulso para economía local, en especial para o sector servizos.

Roi Vega comezou a súa intervención agradecendo o esforzo conxunto para facer posible un ano máis este torneo que para el “é un orgullo poder organizar e recordar a figura do meu pai, que estaría moi orgulloso de ver como crece e aumenta o nivel do baloncesto”. Como datos máis salientables apuntou que participarán seis clubs con vinte e oito equipos e un total duns 350 xogadores. Disputaranse 55 partidos de categorías desde babys ata infantís nos tres pavillóns da vila da Laracha (Municipal, IES Agra de Leborís e CEIP Otero Pedrayo).

Joaquín Moreira tamén destacou o torneo memorial José Antonio Vega como a “cita de referencia do Nadal” para os equipos de base do Artai, afirmando que “os nenos saben que hai a competición durante o ano e tamén este evento nas festas”.

Por último, Eliseo Velo mostrou a plena disposición do C.B. Laracha para colaborar e seguir mellorando o torneo e os representantes do C.B. Arteixo afirmaron que “é unha honra que nos invitedes a vir porque este torneo é unha parte máis do Nadal para os nenos da nosa entidade”.

Os seis clubs participantes son as Escolas de Baloncesto da Laracha (6 equipos), C.B. Arteixo Duacode (4 equipos), Escola Basket Xiria (2 equipos), C.B. Artai (5 equipos), C.B. Montrove Oleiros (6 equipos), CBC Culleredo (5 equipos).

Os nenos de categorías babys e preminis competirán no pavillón Municipal entre as 11:00 e as 17:00 horas. Os de categoría mini farano de 10:00 a 17:00 horas no pavillón do CEIP Otero Pedrayo. E os partidos dos infantís serán entre as 9:30 e as 17:30 horas no pavillón do IES Agra de Leborís. A xornada rematará co acto de entrega das medallas. Todos os participantes xuntaranse para recibilas a partir das 17:45 horas no pavillón Municipal.

A entrada para asistir como público aos partidos será libre e gratuíta. Haberá zona lúdica con inchables e xogos infantís aberta para uso do público en xeral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Victoria en el derbi ante Xiria por 54 a 67

  2ª DIVISIÓN CADETE MASCULINO-CUARTOS DE FINAL-VUELTA COPA PREMIUM BASKET XIRIA CADETE MASCULINO : 54 CARNICERÍA DANIEL ARTAI : 67 Parciale...