O TORNEO JOSÉ ANTONIO VEGA ALCANZA A
SÚA 5ª EDICIÓN CONSOLIDÁNDOSE COMO REFERENCIA NO BALONCESTO PROVINCIAL
- Disputarase o domingo 3 de xaneiro nos pavillóns da Laracha e no de
Caión.
- Haberá 31 equipos, xogaranse 55 partidos e contarase cuns 350
xogadores.
- No pavillón municipal da Laracha habilitaranse catro pistas para os
encontros e unha zona de xogos infantís.
A quinta edición do trofeo de baloncesto memorial José Antonio Vega
celebrarase o domingo día 3 de xaneiro no Concello da Laracha, consolidándose
como unha referencia provincial deste deporte durante o Nadal. O evento é
organizado polo Concello da Laracha e as Escolas Municipais de Baloncesto da
Laracha (Embal) en colaboración co C.B. Laracha, Escola Basket Xiria, C.B.
Artai e a Federación Galega de Baloncesto.
Nesta ocasión haberá 31 equipos participantes das categorías
pequebasket, benxamín, alevín e sénior masculino e feminino. En total estarán
representados once clubs: ademais dos catro que participan na organización, o
C.B. Calasancias, A.C.B. Costa da Morte, C.B. A Estrada, C.B. Arteixo, C.B.
Culleredo, Dominicos e Ponteceso.
Os encontros da categoría sénior masculina disputaranse no pavillón
polideportivo de Caión e o torneo das
sénior femininas, no do IES Agra de Leborís. Nestes casos a competición
constará das semifinais que se xogarán pola mañá (10:00 hora) e dos partidos
das finais e do terceiro e cuarto posto, que serán pola tarde (a partir das
15:00 horas).
No pavillón polideportivo municipal da Laracha disputaranse todos os
encontros de categorías de base desde as 10:30 e ata as 18:00 h. A organización
habilitará catro pistas para poder disputar varios encontros simultaneamente.
Ademais haberá unha quinta área de xogo libre na que os nenos que non
participen no torneo poderán disfrutar de actividades lúdicas como inchables,
karts e diversidade de obradoiros.
Na presentación do torneo, José Manuel López Varela, alcalde da
Laracha, quixo agradecer “o excelente traballo dos catro clubs organizadores”,
asegurando que “no Concello estamos moi satisfeitos das catro anteriores
edicións e de que esta cita sexa a máis importante para o baloncesto durante o
Nadal”. O rexedor tamén se referiu ás posibilidades que para o sector comercial
do municipio ofrece este torneo polo “movemento constante de xente que vai
haber ese día”, polo que tamén considera “positivo non concentrar toda a
actividade nun único lugar”.
Roi Vega, responsable de Embal e fillo de José Antonio, iniciou a súa
intervención agradecendo en nome da súa familia a todos os organizadores e
participantes por “recordar ao meu pai” cun evento que tamén supón “un orgullo
por ver medrar o baloncesto no meu pobo”. Como datos máis importantes,
salientou que haberá 55 partidos e 31 equipos (dos cales oito serán de
categorías sénior e outros 23, de base). Por tanto calcúlase que haberá en
torno a 350 xogadores e a estimación é que o movemento de xente polos tres
pavillóns polideportivos será dunhas mil persoas. A pesar deste importante
volume de partidos, Roi asegurou que organizar o evento “foi moi fácil porque
tiven unha resposta inmediata por parte de todos”.
Marcos Díaz Molk, representante da Escola Basket Xiria, considera que
“para José Antonio sería un orgullo ver como se unen os clubs máis importantes
de Bergantiños para organizar e participar neste torneo que leva o seu nome”.
Tamén lembrou que o Xiria cumpre trinta anos facendo unha labor importante para
que Carballo sexa un referente de canteira de baloncesto en Galicia.
Joaquín Moreira, presidente do C.B. Artai, agradeceu que o Concello da
Laracha “sempre nos diga si ao que pedimos para levar a cabo o evento”. Tamén
quixo destacar que se trata dunha iniciativa positiva e “perfectamente deseñada
para acudir á Laracha a disfrutar desta xornada en familia”.
Por último Eliseo Velo, representante do C.B. Laracha mostrouse
disposto “a colaborar con todo o que poidamos para que o baloncesto sexa cada
vez máis importante no municipio”.
A entrada para o público aos tres pavillóns polideportivos durante toda
a xornada do día 3 de xaneiro será libre e gratuíta.