miércoles, 9 de marzo de 2011

Hoxe celebrouse a presentación da fase final infantil no Concello


Información extraída da web do Concello de Carballo



SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE MARZO NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Carballo acolle a Fase final provincial da categoría infantil masculina de baloncesto na que participa o Club Artai

Carballo acolle a Fase final provincial da categoría infantil masculina de baloncesto na que participa o Club Artai

09/03/2011 O Pavillón da Zona Escolar da capital municipal carballesa acolle o sábado 12 e o domingo 13 de marzo a Fase final provincial da categoría infantil masculina de baloncesto, que organiza o Club Artai coa colaboración do Padroado Deportivo Municipal e a Delegación Coruñesa de Baloncesto. Nesta cita participan os seguintes equipos: Gayolo Begacar de Betanzos; CB Arteixo Valoriza; Liceo La Paz A de A Coruña; e o CB Artai A de Carballo. O cadro para a disputa dos partidos é o seguinte: o sábado 12 as semifinais con dous partidos, o que enfronta ao Liceo La Paz e ao Gayolo Begacar e o que disputan o Artai e o Arteixo Valoriza ás 10.30 e ás 12.30 horas respectivamente; o domingo 13 celébranse os encontros polo 3º e 4º posto ás 10.30 horas e a final ás 12.30 horas. Esta fase final ten como premio para o campión o poder participar na Copa Galicia desta tempada. Os catro equipos participantes lograron quedar entre os catro primeiros na primeira volta da liga, o que lles deu a posibilidade de disputar esta fase provincial. Hai que subliñar que o CB Artai A de Carballo quedou primeiro nesta clasificación, sen encaixar ningunha derrota despois de 9 partidos. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar a boa marcha do deporte de base e a satisfacción porque Carballo poida acoller unha proba destas características, sendo ademais, o Artai, o favorito despois dos bos resultados da primeira volta.

Porén, calquera dos catro equipos teñen a posibilidade de acadar o primeiro posto. É certo que os carballeses, dirixidos por Javier Cotelo, non coñecen a derrota, pero tamén é certo que ante os rivais directos pasaron certos apuros para acadar a victoria, o que engade emoción aos encontros. Así, ante o Arteixo venceron por 65 a 61 hai quince días, e ante o Gayolo venceron por 76 a 60. O outro equipo que vén nun grande estado de forma é o Liceo A, que suma catro trunfos consecutivos. O coordinador dos equipos de baloncesto do Colexio Artai, Joaquín Moreira, engade que, ademais de premio para o primeiro clasificado, que accede á Copa Galicia, o segundo tamén disputará o Campionato Interprovincial cos equipos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, polo que esta Fase final ten varios atractivos para os participantes. Segundo explica, a idea de que o Artai organizase esta cita xurdiu hai un mes, e finalmente lévase adiante coa colaboración do Padroado Deportivo Municipal, a quen agradece a súa colaboración, así como á Delegación Coruñesa de Baloncesto. O xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, quixo tamén mencionar o labor do CB Artai, que "en tan pouco tempo estase codeando con clubs de tantos anos como o Liceo La Paz ou o Obradoiro", este último rival do Artai na liga.

Para García Bello vese o labor realizado no baloncesto de base, "cunha seriedade digna de destacar". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que "o Concello sempre apoia todas as actividades centradas no deporte de base" e resaltou o traballo de Joaquín Moreira, "sempre un exemplo para os amantes do baloncesto". O Alcalde quixo engadir que é "unha satisfacción ver o nivel competitivo destes equipos", ademais de que "o Artai parte como claro favorito". Por iso reiterou que o Concello "está encantado de poder colaborar" e desexou "que a xente desfrute dos novos valores do baloncesto" e que "apoie ao Artai para que consiga este obxectivo". De feito, Evencio Ferrero manifestou a súa intención de asistir á final do domingo co desexo de que o CB Artai A poida disputala. Os interesados e interesadas en acudir ao campionato teñen que lembrar que a cita é o sábado 12 e o domingo 13 de marzo no Pavillón da Zona Escolar (Vila de Noia), e que os partidos son os dous días ás 10.30 e 12.30 horas. A entrega de trofeos será o domingo despois da final.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Victoria en el derbi ante Xiria por 54 a 67

  2ª DIVISIÓN CADETE MASCULINO-CUARTOS DE FINAL-VUELTA COPA PREMIUM BASKET XIRIA CADETE MASCULINO : 54 CARNICERÍA DANIEL ARTAI : 67 Parciale...