sábado, 3 de octubre de 2015

Información da web do concello

OPTAN Á LIGA GALEGA O CB ARTAI E O BASKET XIRIA

Carballo acolle o domingo 4 de outubro as fases de ascenso á Liga Galega infantil e júnior masculina de baloncesto

Carballo acolle o domingo 4 de outubro as fases de ascenso á Liga Galega infantil e júnior masculina de baloncesto
02/10/2015 Carballo acolle durante toda a xornada do domingo 4 de outubro as fases finais de clasificación para a Liga Galega de baloncesto nas categorías infantil masculina e júnior masculina que terán lugar por quendas nos Pavillóns Vila de Noia e Carballo Calero da capital municipal. Os clubs carballeses CB Artai e Basket Xiria teñen opcións de acadar o ascenso, o primeiro en categoría Infantil e o segundo en Júnior, aínda que, como explicaba Diego Vázquez, presidente de Basket Xiria, e Joaquín Moreira, do CB Artai, os enfrontamentos das semifinais, que teñen lugar pola mañá, os miden a dous dos equipos máis duros das súas respectivas categorías, o Marín Peixe Gal e o Obradoiro Peleteiro, en verbas de Moreira "dous ósos duros de roer". En todo caso, os dous confían en que os partidos sexan emocionantes e que se acade o obxectivo de subir á Liga Galega, xa que unha vitoria nalgún dos dous encontros que teñen que disputar será suficiente para que militen esta tempada en 1ª División. Os horarios dos partidos son, pola mañá a partir das 10.30 horas no Pavillón Carballo Calero o Artai; e das 10.30 horas o Basket Xiria no Vila de Noia. Pola tarde, a loita pola terceira praza será a partir das 17.30 horas no Vila de Noia. Ao lograr o ascenso os tres primeiros clasificados, os equipos perdedores dos partidos da mañá aínda poden lograr o obxectivo si gañan pola tarde. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar o bo traballo que están realizar os dous clubs, que xuntan a máis de 300 nenos e nenas xogando a baloncesto en categorías de base, coa "potencialidade" que isto supón para este deporte na vila.
A cita, que está organizada polos clubs carballeses e pola Federación Galega de Baloncesto coa colaboración do Concello, ofrece unha gran oportunidade para ver aos rapaces das mellores canteiras de Baloncesto de Galicia, como Obradoiro-Peleteiro, COB Ourense, Tui, Cidade de Lugo, etc., polo que a organización confía en que a entrada sexa boa e que o público anime aos equipos locais. Ferrero quixo resaltar tamén que "Carballo volve a ser un encontro do baloncesto", con oito equipos competindo na vila e transmitiulle os seus parabéns ao Basket Xiria e ao Artai polo seu convenio de colaboración, que vén de cumprir un ano. Nese sentido, tanto Diego Vázquez como Joaquín Moreira quixeron manifestar a súa satisfacción polo acordo, que lles está facilitando o intercambio de adestradores, pero tamén xerar un bo clima de traballo entre as nais e pais e os xogadores e xogadoras, con resultados moi positivos, tanto a nivel deportivo como humano. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo convidar a todos os veciños e veciñas a que o domingo gocen "con esta festa do baloncesto" e que axuden a que "non faga falta xogar o partido da tarde" e ao mediodía xa esteamos celebrando os ascensos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario