sábado, 31 de diciembre de 2016

Presentación do VI Torneo José Antonio Vega

A 6ª EDICIÓN DO TORNEO DE BALONCESTO “JOSÉ ANTONIO VEGA” CELEBRARASE O SÁBADO 7 DE XANEIRO

  • O evento foi presentado onte no Concello da Laracha coa presenza de representantes de todos os clubs organizadores.
  • Contarase con 350 xogadores e 32 equipos de baloncesto.
  • Haberá zona de xogos infantís atendida por monitores durante toda a xornada. 

O Concello da Laracha volverá ser a capital provincial do baloncesto o vindeiro sábado día 7 de xaneiro coa disputa da sexta edición do torneo memorial José Antonio Vega, unha cita xa consolidada como a referencia deste deporte durante o Nadal. O evento foi presentado este mediodía, contándose coa participación de representantes de todas as institucións e clubs implicados na laboriosa organización: Concello da Laracha, Escolas Municipais de Baloncesto da Laracha, C.B. Laracha, Escola Basket Xiria e C.B. Artai, ademais da Federación Galega de Baloncesto.

O 7 de xaneiro os pavillóns da Laracha (municipal e IES Agra de Leborís), Paiosaco (CEIP Alfredo Brañas) e Caión (Xermaña) acollerán un total de sesenta partidos. Haberá en torno a 350 xogadores e 32 equipos, con presenza maioritaria de conxuntos das categorías pequebasket, benxamín e alevín, pero contando tamén con cadetes e sénior. Os primeiros encontros principiarán ás 10:00 horas e o inicio da cerimonia de entrega dos premios e agasallos está previsto para as 18:00 horas no pavillón municipal da Laracha.

Para amenizar a xornada ao público infantil, haberá unha zona de xogos e inchables atendida por monitores especializados, facilitando deste xeito acudir en familia  a desfrutar da evento como público, sendo a entrada libre e gratuíta.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, agradeceu a todos os presentes o seu traballo para organizar “un programa moi completo” e por contar cun torneo que “xa está arraigado no municipio e consolidado como unha das citas máis importantes do baloncesto na provincia da Coruña dentro das festas do Nadal”. Mostrou o seu desexo de que “esta edición sexa un éxito como as cinco anteriores” e expresou a “total disposición do Concello para colaborar e coordinar a xornada en todo o que sexa necesario”. Por último, tivo un recordo para José Antonio Vega, quen “merece esta homenaxe anual como amigo, veciño e impulsor do baloncesto na comarca”.

Roi Vega, responsable das escolas municipais de baloncesto da Laracha e fillo de José Antonio Vega, agradeceu a organización do evento a todos os implicados “en nome propio e no da miña nai” afirmando que “o meu pai estaría orgulloso de ver como se fai este torneo cada ano no seu recordo e tamén pola promoción do baloncesto”. Referiuse, así mesmo, ao completo programa que se levará a cabo “a pesar do complicadas que eran as datas este ano pola coincidencia dos festivos nas fins de semana” e concluíu asegurando que “é complicado ter máis clubs e xogadores nun so día de competición”.

Rubén Lorenzo, vicepresidente da Escola Basket Xiria, mostrouse “moi satisfeito pola continuidade do torneo” e valorou o esforzo que se está a facer no Concello da Laracha no apoio ao baloncesto a través das escolas deportivas municipais.


Diego Rivas, en representación do C.B Artai, tamén destacou a importancia de “alcanzar a sexta edición do torneo que move máis xente polo Nadal” co desexo de que “sigamos facéndoo moitos anos máis” xa que “cada ano a organización é mellor e coa cooperación de todos, e a pesar das complicacións que poden xurdir, ao final é fácil e gratificante levalo a cabo”.


Para finalizar, Eliseo Velo, do C.B. Laracha, agradeceu aos presentes “que contasen con nós para participar na organización do torneo” e mostrouse “plenamente disposto a colaborar no que sexa necesario para que o desenvolvemento da xornada sexa perfecto”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Victoria en el derbi ante Xiria por 54 a 67

  2ª DIVISIÓN CADETE MASCULINO-CUARTOS DE FINAL-VUELTA COPA PREMIUM BASKET XIRIA CADETE MASCULINO : 54 CARNICERÍA DANIEL ARTAI : 67 Parciale...