
JOSÉ ANTONIO VEGA SERÁ HOMENAXEADO O SÁBADO NO CONCELLO DA LARACHA CUNHA FESTA DO BALONCESTO
- Larachés que fora delegado do C.B. Xiria durante dúas décadas.
- O campionato de cadetes disputarase na Laracha e o de infantís, en Caión.
- Organizan o Concello da Laracha, Artai C.B., Carballo Basket e C.B. Laracha.
- José Manuel López Varela: “este torneo hai que consolidalo porque é unha mostra do cariño que lle temos a José Antonio e á súa familia”.
A Laracha, 3 de xaneiro de 2012.-
O Concello da Laracha e os clubs de baloncesto da Laracha e de Carballo organizan o torneo José Antonio Vega, que se celebrará este sábado para homenaxear a unha persoa imprescindible para a promoción e desenvolvemento desta práctica deportiva en toda a comarca de Bergantiños durante as dúas últimas décadas.
José Antonio Vega, veciño da Laracha que faleceu o pasado mes de outubro tras unha longa enfermidade, foi membro do equipo técnico e delegado do Club Basket Xiria durante vinte anos. Foi un apasionado do baloncesto e inculcou ese sentimento en moitos rapaces, incluído o seu fillo Roi, tamén vinculado ao club carballés, neste caso como xogador.
O acto de presentación do torneo desenvolveuse hoxe no Concello da Laracha, contando coa presenza de representantes do goberno municipal, dos tres clubs organizadores e da familia de José Antonio Vega (a súa muller, María José Torreira, o seu fillo Roi e a esposa deste, Paula Alonso).
O Alcalde, José Manuel López Varela, abriu o turno de intevencións afirmando que o evento “é unha mostra do cariño que lle temos a José Antonio” e mostrou o seu desexo de que este sexa “un primeiro paso” xa que agarda que o torneo “siga con máis edicións porque é algo que debemos consolidar”.
Joaquín Moreira, presidente do Artai C.B. e un dos responsables da organización, asegurou que “tan pronto como xurdiu a posibilidade de facer este torneo, todos os clubs deron facilidades para homenaxear a José Antonio” con esta “festa do baloncesto”, e fixo referencia ao “alto nivel deportivo” dos equipos participantes, estando encadrados a maioría deles na Liga Galega.
Arturo Ferraces, director deportivo do Carballo Basket, mostrouse “orgulloso por participar” na homenaxe “necesaria” a unha persoa que “sempre transmitiu lealdade e humildade”.
O coordinador do C.B. Laracha, Jesús Graña, asegurou que no club que representan están “moi ilusionados” porque “José Antonio é a súa familia forman parte da familia do basket, sendo o seu fillo Roi todo un referente na Laracha”.
No acto de presentación tamén estivo a familia de José Antonio Vega: a súa esposa –María José Torreira-, o seu fillo Roi e a muller deste –Paula Alonso-. Roi, vinculado desde moi novo ao Carballo Basket Xiria, agradeceu, visiblemente emocionado, “o cariño” mostrado polos organizadores.
O torneo, que será toda unha festa do baloncesto, celebrarase durante toda a xornada do sábado. Os cadetes competirán no pavillón municipal da Laracha e, os infantís, no pavillón municipal de Caión. O programa do torneo é o seguinte:
CADETES (PAVILLÓN MUNICIPAL DA LARACHA)
Semifinais:
- 10.00 h: C.B. Artai – C.B. Culleredo
- 12.00 h: C.B. Sant-Yago – Santo Domingo de Betanzos
Encontro amigable (categoría infantil feminino):
- 15.30 h: C.B. Laracha – E.B. Xiria
Fase final:
- 17.00 h: 3º e 4º Posto
- 19.00 h: Final
- 20.30 horas: Entrega de premios e homenaxe a José Antonio Vega
INFANTÍS (PAVILLÓN MUNICIPAL DE CAIÓN)
Semifinais:
- Carballo Basket – Santo Domingo de Betanzos
- C.B. Artai – C.B. Sant-Yago
Fase final:
- 16.00 h: 3º e 4º Posto
- 18.00 h: Final
No hay comentarios:
Publicar un comentario